Criticamos a utilización partidista dos cadros de persoal e lembramos que «o importante non é onde se negocia, senón que se consiga mellorar a vida das persoas traballadoras»
Claridade e responsabilidade fronte á desinformación
Ante a campaña de intoxicación e desinformación que nas últimas semanas veñen promovendo UGT e CIG arredor da negociación do convenio estatal de ARTE, desde CCOO queremos transmitir unha mensaxe de claridade, rigor e responsabilidade ás persoas traballadoras do sector téxtil, calzado e do comercio en Galicia.
É falso que a negociación do convenio estatal de ARTE supoña automaticamente a desaparición dos convenios provinciais, a perda das condicións laborais existentes en empresas como Inditex ou un retroceso xeneralizado para o sector.
Estas afirmacións forman parte dun relato interesado impulsado por aqueles que están máis preocupados por defender o seu espazo sindical e os seus intereses electorais que por abordar con honestidade o debate sobre como mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras.
Análise da postura da CIG e de UGT
No caso da CIG, a súa oposición responde á incomodidade que lle xera a existencia dunha negociación estatal nun sector no que ata o de agora mantivo unha posición de hexemonía en Galicia. O seu problema non é o contido do convenio, senón a perda de centralidade nunha mesa de negociación de ámbito superior, polo que defenden agora convenios que non asinaron no seu momento, como o de comercio vario da Coruña.
No caso de UGT, a súa postura evidencia unha estratexia de imitación respecto da folla de ruta marcada pola CIG, asumindo un discurso alleo por puro cálculo electoral e ante a proximidade de relevantes procesos sindicais no sector.
O esgotamento do modelo de negociación provincial
Desde CCOO consideramos especialmente rechamante que os que hoxe se presentan como grandes defensores da negociación provincial sexan os mesmos que levan anos demostrando as súas limitacións para garantir avances reais baixo ese modelo.
A realidade desmonta o seu discurso: o convenio do comercio téxtil de Lugo acumula máis dunha década sen actualización efectiva, mantendo durante anos as persoas traballadoras do sector nunha situación de bloqueo e conxelación das súas condicións. Do mesmo xeito, noutras provincias como Ourense a negociación tamén atravesou importantes períodos de parálise e dificultade.
Estes feitos evidencian que a negociación provincial, por si soa, non garante mellores condicións nin maior protección para as persoas traballadoras.
A manipulación sobre os acordos en Inditex
Mais o esperpento vivido esta semana na negociación das condicións retributivas de Inditex constitúe probablemente o exemplo máis evidente desta forma de actuar.
UGT e CIG emitiron comunicados públicos presentando como unha suposta conquista das súas mobilizacións o compromiso de Inditex de respectar as condicións laborais e retributivas xa existentes, cando esa mesma posición viña sendo trasladada con claridade desde hai semanas tanto por CCOO como pola propia dirección da empresa.
Resulta difícil atopar un exemplo máis gráfico de manipulación do persoal e de construción artificial dun relato interesado: anunciar como vitoria propia aquilo que xa estaba expresamente enriba da mesa e recoñecido polas partes non é facer sindicalismo, é facer propaganda.
O obxectivo de CCOO: «A igual traballo, igual salario»
Desde CCOO defendemos un principio claro e irrenunciable: a igual traballo, igual salario.
Non pode ser que unha traballadora cobre menos ou teña peores condicións simplemente por prestar servizos nunha provincia distinta facendo exactamente o mesmo traballo para a mesma actividade empresarial.
Por iso defendemos que o verdadeiramente importante non é o ámbito territorial da negociación, senón a capacidade desta para mellorar salarios, ordenar condicións laborais e reducir desigualdades.
Cada convenio ou acordo que CCOO asina responde a un único criterio: obter o mellor resultado posible para as persoas traballadoras en cada contexto de negociación. Así o fixemos nos acordos estatais de Inditex, coa mesma dinámica de protesta por parte de CIG e UGT por retirar a negociación da provincia e posteriormente recoñecidos mesmo por quen inicialmente os atacou. Así o fixemos no convenio de comercio vario de Pontevedra. E así o estamos facendo na negociación de ARTE.
Estado actual e avances do preacordo
Cómpre lembrar que esta negociación leva preto de tres anos precisamente porque CCOO mantivo unha posición firme e esixente, negándose a aceptar un mal acordo e defendendo en todo momento un principio básico: ningunha persoa traballadora pode perder dereitos nin condicións xa consolidadas.
O preacordo acadado ata o momento incorpora avances relevantes en materias como salario, redución de xornada anual e once fins de semana de calidade libres ao ano; queda aínda cuestións fundamentais pendentes de negociación como descansos, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade e outras condicións sociais.
Presentar esta negociación como unha suposta traizón ou como un acordo á baixa —como se leva anunciando en cada xuntanza desde hai máis dun ano— non só é falso, senón unha irresponsabilidade que busca xerar medo e incerteza entre os cadros de persoal.
Conclusión: Por un sindicalismo útil
Desde CCOO reiteramos que seguiremos defendendo unha negociación útil, eficaz e centrada nos resultados, fronte a quen prefire converter cada debate sindical nun exercicio de propaganda e confrontación permanente. Porque para CCOO o relevante non é onde se negocia, senón o que se consiga.
Máis dereitos. Menos desigualdades. Máis sindicalismo útil.
Economía Digital: La patronal de Inditex y Primark desata una guerra entre sindicatos con su primer convenio
Diario de Ferrol: CCOO acusa a la CIG y a UGT de intoxicar sobre el preacuerdo de ARTE

