Presentamos un informe que desmonta os mitos sobre a Incapacidade Temporal (IT) e denuncia unha campaña de acoso orquestrada pola Xunta e a patronal baixo o pretexto do absentismo.
A saúde non é un custo, é un dereito. O vindeiro 28 de abril, coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia sairá á rúa en Ourense para rexeitar a culpabilización das persoas traballadoras que precisan dunha baixa médica para a súa recuperación.
O informe de CCOO: A IT como dereito, non como absentismo
A Confederación Sindical de CCOO, a través das súas secretarías de Políticas Públicas e Saúde Laboral, presentou un documento que analiza a evolución da Incapacidade Temporal (IT) e desmonta os falsos argumentos sobre as prestacións. As conclusións son rotundas:
- Dereito fundamental: A IT protexe a saúde e o emprego, garantindo o tempo necesario para a recuperación sen que poida considerarse absentismo.
- Ausencias reguladas: A maioría das ausencias ao traballo son o exercicio de dereitos recoñecidos por Lei e convenios, como vacacións ou permisos de conciliación.
- Definición de absentismo: Este só se produce cando existe unha ausencia inxustificada, non polo exercicio do dereito á saúde.
- Control eficiente: Na actualidade existe un seguimento rigoroso no que participan médicos de atención primaria, inspectores do sistema público, o INSS e as mutuas.
Causas reais do incremento do gasto en IT
O informe sinala que o crecemento da incidencia da IT é un reto financeiro “manexable” e que responde a causas obxectivas:
- Factores económicos e demográficos: O 66% do incremento do gasto explícase pola creación de emprego, a mellora das bases de cotización (47,5%) e o envellecemento da poboación traballadora (18,5%).
- Crise de saúde mental: O crecemento destas patoloxías, xunto co liderado de España no consumo de psicofármacos, reflicte a falta de prevención e tratamentos públicos adecuados.
- Déficit de investimento sanitario: A baixa inversión no sistema público xera listas de espera que cronifican as enfermidades e alargan os procesos de IT.
- Subrexistro de enfermidades profesionais: Moitas patoloxías que deberían ser laborais derívanse ao sistema público de saúde.
Datos contra o alarmismo: Non hai abuso xeneralizado
Fronte ao discurso da patronal, os datos oficiais do Banco de España e do INSS mostran unha realidade distinta:
- Duración estable: A duración media das prestacións mantense estable na contorna dos 37-40 días dende hai dúas décadas.
- Custos reais: O Banco de España estima o custo directo empresarial en 4.613 millóns de euros (2024), unha cifra moi afastada das estimacións de ata 81.000 millóns que difunden as organizacións empresariais.
- Control médico: A duración media da IT por continxencia común (controlada polo sistema público) é inferior á derivada de continxencia profesional (controlada polas mutuas).
Axenda do 28A: CCOO Galicia en loita
En resposta á campaña de “acoso e derruba” da Xunta e a patronal, CCOO de Galicia convoca unha xornada combativa en Ourense:
- 10:30 h: Asemblea de delegados e delegadas no local sindical de Ourense (rúa do Parque de San Lázaro).
- 12:00 h: Manifestación polas rúas do centro ata a sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
Propostas de actuación e mellora
Para garantir unha recuperación áxil e protexer o sistema público, CCOO propón:
Codecisión nas mutuas: Establecer que a elección da mutua se faga por acordo entre traballadores e empresa.
Reforzo público: Incrementar as persoas nos cadros de persoal do sistema público de saúde e da inspección médica do INSS.
Uso de recursos ociosos: Permitir que o sistema público utilice medios das mutuas para diagnósticos e tratamentos, sempre baixo control do médico público.
Presunción de laboralidade: Recoñecer como profesionais as patoloxías musculoesqueléticas vinculadas ao traballo.

