Portada » Búscanse cociñeiros (e condicións laborais xustas)

Búscanse cociñeiros (e condicións laborais xustas)

En Galicia levamos anos lendo o mesmo titular, faltan cociñeiros (non deben valer as cociñeiras…) ou empregados e empregadas para o sector da hostalaría. O sector hostaleiro lanza o aviso tempada tras tempada, coma se fose un fenómeno inexplicable. Pero quizais conveña facer unha pregunta incómoda… e se o problema non é que falten profesionais, senón que sobran motivos para marchar?

Porque Galicia non é precisamente un deserto de talento. Aquí fórmanse algúns dos mellores cociñeiros e cociñeiras do país. Xente preparada, con técnica, con ganas de traballar.

O problema é que, en canto poden, fan as maletas e simplemente van a lugares onde traballar na cociña non implique xornadas eternas, soldos axustados e esa vella tradición das horas extra por amor á arte ou porque é o que toca…

Mentres tanto, o sector presume de cifras récord, e do selo Galicia Calidade, así o puiden comprobar un ano máis na feira internacional do turismo (FITUR), onde tanto a Xunta de Galicia como as empresas do sector ensalzaron as bondades do noso modelo de turismo. Máis turismo, máis ingresos, máis actividade.

Todo vai ben… agás para quen está detrás dos fogóns, as camareiras de piso que teñen que acudir a traballar medicadas, os camareiros e camareiras que soportan xornadas interminables e con constantes cambios de horario… Aí o relato cambia, ritmos altos, descansos escasos e condicións que, en moitos casos, seguen ancoradas noutro tempo. Debe ser o único sector onde se baten récords de facturación sen que iso se note na nómina.

A cousa enténdese aínda mellor cando se mira á negociación colectiva: convenios bloqueados durante meses, como na Coruña, e unha resistencia evidente a falar de melloras reais. Pídese compromiso ás persoas traballadoras, pero non se ofrece nin estabilidade, nin conciliación, nin un marco laboral que convide a quedar. Logo sorprende que a xente non responda á chamada.

A partir daí, a diagnose complícase… ou non tanto. Porque non é moi difícil de entender, se un sector ofrece peores condicións cas súas alternativas, o talento marcha. Non é unha crise de vocacións, é unha cuestión de lóxica básica.

Fálase moito de falta de man de obra, pero quizais habería que empezar a falar de falta de atractivo. Subir salarios é imprescindible, si, pero non suficiente. Tamén fan falta horarios que permitan ter vida, medidas de saúde laboral en serio e unha mínima expectativa de futuro dentro do sector. Algo que vaia máis alá de aturar.

É certo que a hostalaría galega está formada en gran parte por pequenos negocios, e que iso complica as cousas. Pero tampouco pode ser a escusa eterna. Profesionalizar un sector non é só mellorar a carta ou coidar a clientela… é, sobre todo, coidar a quen o fai posible.

A hostalaría galega está ante unha elección bastante clara, seguir preguntándose por que non hai persoas dispostas a traballar no sector ou empezar a preguntarse por que ninguén quere quedar.

Porque, ben mirado, o misterio non é tan grande. E a solución tampouco debería selo.

Artigo publicado en La Voz de Galicia: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2026/03/31/buscanse-cocineiros-condicions-laborais-xustas/0003_202603G31P16992.htm