CCOO alertamos sobre unha situación de explotación estrutural e propón seis medidas urxentes, incluíndo un maior control da Inspección de Traballo e auditorías dos rexistros de xornada.
A realización de horas extra sen cobrar segue a ser un problema grave no mercado laboral estatal e con especial impacto na nosa comunidade. Segundo o informe do Gabinete Económico de CCOO, baseado en datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) de 2025, os datos apuntan a unha explotación persistente que supón un importante prexuízo económico para quen traballa.
No conxunto do Estado español, realizáronse 2,49 millóns de horas extra non remuneradas cada semana durante o ano pasado, afectando a 441.000 persoas asalariadas.
Cal é o impacto das horas extra gratis en Galicia?
A situación en Galicia é especialmente preocupante, xa que nos situamos entre as comunidades máis prexudicadas en termos absolutos. Os datos falan por si sós:
- 122.186 horas extra non pagadas á semana durante o 2025.
- Galicia é a sexta comunidade autónoma con máis horas sen remunerar, por detrás de Madrid, Cataluña, Comunidade Valenciana, Andalucía e o País Vasco.
- Unha media de 21.000 traballadores e traballadoras galegas enfróntanse a esta situación semanalmente.
Por persoa afectada, a media sitúase en 5,8 horas extra á semana. Isto tradúcese nun custo laboral non aboado de 146 euros semanais. En cifras anuais, cada traballador ou traballadora perde preto de 7.600 euros entre salarios e cotizacións á Seguridade Social que quedan no caixón das empresas.
Estes 7.592 euros de perda supoñen ademais que en Galicia deixamos de ingresar uns 200 euros máis ao ano que a media estatal (7.355 euros).
O rexistro de xornada: unha norma incumprida
A pesar da implantación do rexistro horario obrigatorio en 2019 (Real decreto lei 8/2019), os datos demostran que a medida non foi suficiente para atallar as prolongacións de xornada sen pagar.
Seis anos despois, as estatísticas indican que o 39% das horas extras totais non se cotizan, nin se pagan, nin se compensan con días libres. O problema non só non remite, senón que se mantén estable ou en lixeiro aumento. A falta de controis estritos e a ausencia de sancións contundentes provocan que o control horario se converta nun mero trámite burocrático, baleiro de contido real.
Consecuencias desta fraude laboral
O impacto das horas extra non pagadas vai máis alá do peto das persoas traballadoras:
- Empobrecemento laboral: As persoas asalariadas deixan de percibir unha parte fundamental do seu salario.
- Debilitamento do sistema público: A Seguridade Social perde importantes ingresos en concepto de cotizacións.
- Competencia desleal: As empresas que non pagan as horas extra xogan con vantaxe fronte a aquelas que cumpren a lei.
Resulta especialmente chamativo e preocupante que as Administracións públicas figuren entre os sectores con maior volume de prolongacións de xornada sen pagar. Dende o sindicato lémbrase que a Administración autonómica e local galega deberían dar exemplo de cumprimento e liderar un cambio de modelo no respecto aos dereitos laborais.
6 medidas de CCOO para acabar coas horas extra non pagadas
Dende CCOO Galicia propoñemos un plan de acción concreto con seis puntos clave para erradicar esta forma de explotación estrutural no traballo:
Exemplaridade pública: Eliminación total das horas extra non pagadas nas Administracións, tanto na Xunta como nos Concellos.
Máis Inspección de Traballo: Reforzar os medios humanos e técnicos para poder controlar un mercado laboral tan amplo.
Auditorías sistemáticas: Revisión exhaustiva do rexistro de xornada nas empresas, poñendo o foco nos sectores máis prexudicados.
Sancións exemplares: Castigos que realmente disuadan do incumprimento, incluíndo responsabilidade solidaria para toda a cadea de subcontratación.
Campañas informativas: Asesoramento ás persoas traballadoras sobre os seus dereitos laborais e as vías de denuncia dispoñibles.
Cláusulas nos convenios colectivos: Garantir nos acordos sectoriais o control da xornada laboral e a obriga de remunerar as horas extra.

