Portada » «Éxito rotundo» nas catro xornadas de folga no comercio de alimentación da Coruña

«Éxito rotundo» nas catro xornadas de folga no comercio de alimentación da Coruña

As catro xornadas de folga no comercio de alimentación da Coruña saldáronse cun «éxito rotundo» e un seguimento maioritario pola parte dos cadros de persoal. Os sindicatos CCOO, CIG, UGT e USO manteñen o calendario de mobilizacións na provincia ante a persistencia do bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo.

Tras o paro realizado o pasado 29 de maio e ante a falta de avances reais na mesa negociadora, as organizacións sindicais convocaron catro novos días de folga os días 21, 22, 23 e 24 de xuño, coincidindo coas datas de maior consumo do San Xoán.

Mobilizacións nos supermercados da provincia durante o San Xoán

O seguimento masivo dos paros veuse reforzado por manifestacións de gran participación en catro localidades estratéxicas da provincia:

  • A Coruña: Saída desde a Praza de Lugo.
  • Santiago de Compostela: Desde o Gadis da rúa Montero Ríos.
  • Ferrol: Desde o Gadis de Ultramar.
  • Ribeira: Desde o Hiper Gadis.

Ademais destas marchas, tiveron lugar diversas concentracións informativas diante de diferentes supermercados destas cidades. Desde a Federación de Servizos de CCOO confían en que esta contundente resposta do persoal obrigue de inmediato á patronal a rectificar e retomar unha negociación efectiva.

Melloras salariais para afrontar os gastos básicos

O responsable do sector de Alimentación de CCOO en Galicia, José Ramón Romero, explicou que a estratexia de convocar catro días de folga seguidos respondeu a razóns organizativas. O obxectivo era evitar que as plataformas loxísticas puidesen compensar a falta de persoal mediante a imposición de horas extraordinarias ou a contratación eventual.

Os sindicatos denuncian que a negociación do convenio do comercio de alimentación da Coruña permanece estancada mentres o persoal reclama melloras laborais e salariais urxentes. «Non falamos de vivir con luxos; falamos de poder pagar unha vivenda, asumir os gastos básicos e facer unha compra normal do día 1 ao 31 traballando 40 horas semanais», sinalou Romero.

Longas xornadas, parcialidade e beneficios empresariais

As protestas tamén poñen o foco sobre outros problemas estruturais que sofren as traballadoras e traballadores do sector, tales como:

  • As longas xornadas de traballo e a falta de descanso efectivo.
  • A elevada taxa de contratos de parcialidade.
  • A perda acumulada de poder adquisitivo nos últimos anos.

Desde a representación sindical lémbrase que as principais empresas de distribución alimentaria continúan a rexistrar importantes beneficios económicos, mentres que os cadros de persoal soportan unha carga de traballo crecente sen ver compensado o seu esforzo.

CCOO advertimos do bloqueo na negociación colectiva en Galicia

O secretario xeral de CCOO-Servizos, Iván Cordeiro, encadrou o conflito do comercio de alimentación da Coruña nun escenario máis amplo de bloqueo da negociación colectiva a nivel autonómico.

Cordeiro advertiu de que esta folga «non é a causa do conflito, senón a consecuencia de meses de negociación sen avances significativos» en materias clave como os salarios, a xornada e as condicións de traballo. Nun contexto de excelentes resultados empresariais, os traballadores esixen participar de forma xusta na riqueza que axudan a xerar.