A enquisa de clima laboral realizada por CCOO Servizos constata o amplo malestar duns cadros de persoal cada vez máis apremados polos obxectivos comerciais
A Federación de Servizos de CCOO convoca para mañá, mércores 3 de xuño, unha xornada de concentracións simultáneas diante nas principais entidades financeiras do país. O obxectivo é denunciar a crecente presión comercial que sofren os traballadores nun sector que segue batendo récords de beneficios.
No caso de Galicia, a mobilización de CCOO na Coruña liderará as protestas cunha manifestación que percorrerá as sedes dos principais bancos da cidade.
Convocatoria á prensa: Os medios de comunicación están convocados ás 11:00 horas diante da sede do BBVA no Cantón Pequeno da Coruña.
Unha enquisa de clima laboral que destapa unha “alerta estrutural”
Esta nova xornada de protesta chega tras o éxito das mobilizacións unitarias do pasado mes de febreiro en CaixaBank e a histórica folga do 27 de marzo. CCOO mantén o pulso para reivindicar un modelo laboral máis xusto e sostible en todo o sector financeiro español.
O sindicato avala estas accións cos datos do informe “Sector financiero: la voz de las plantillas”. Esta sondaxe, realizada en maio con máis de 45.000 respostas, revela que o actual modelo organizativo está a erosionar de forma grave a saúde do persoal en beneficio exclusivo do dividendo dos accionistas.
Datos clave do Cuestionario de Clima Laboral
| Dimensión analizada | Rede de oficinas (38.565 respostas) | Servizos centrais (7.670 respostas) |
| Incremento crítico de carga e presión (últimos 3 anos) | 96,9% afirma un aumento substancial | 93,1% sofre sobrecarga |
| Afectación negativa na saúde física e mental | 85,9% declara dano expreso na saúde | 82,3% declara dano expreso na saúde |
| Dilemas éticos e falta de autonomía | 64,4% coaccionados para vender | 45,2% “nunca” ou “raramente” ten autonomía |
| Insatisfacción coa retribución fixa | 51,2% ve o soldo inconsecuente co desempeño | 61,2% sente que non compensa a responsabilidade |
| Disposición á mobilización sindical | 95,7% apoiaría medidas de forza | 91,7% receptivos a sumarse ás protestas |
As 5 reclamacións de CCOO para transformar o sector financeiro
Os factores detonantes da insostibilidade laboral e os riscos psicosociais revelan un escenario homoxéneo en todo o sector: infradotación crónica de persoal, liderados tóxicos, prolongacións de xornada invisibles e unha inexistente desconexión dixital.
Ante esta situación, CCOO Servizos esixe a apertura dunha mesa de negociación baseada en cinco eixes principais de mellora:
- Máis persoal: Incremento de investimentos para mellorar a atención directa ao cliente.
- Menos presión comercial: Fomento da ética profesional fronte á comercialización forzada de produtos.
- Protección da saúde mental: Medidas reais contra o estrés, o esgotamento e a ansiedade no traballo.
- Conciliación real: Tempo para traballar e tempo para vivir, respectando os horarios pactados.
- Repartición xusta: Recoñecemento da profesionalidade do persoal a través dos beneficios récord das entidades.
Horarios e percorridos da mobilización na Coruña (3 de xuño)
En Galicia, a mobilización centralizarase na cidade da Coruña co seguinte itinerario cronolóxico:
- 📍 11:00 h: Inicio no Cantón Pequeno, 18 (concentración ante as sedes de BBVA, Banco Santander e Sabadell).
- 📍 12:00 h: Remate e concentración diante da sede de Abanca na Rúa Nova, 30.
Concentracións noutras cidades do Estado
A protesta na Coruña forma parte dunha xornada estatal con mobilizacións noutras sete cidades:
- Madrid: BBVA (Paseo Recoletos, 10) ás 11:00h e Banco Santander (Paseo Recoletos, 19) ás 12:00h.
- Barcelona: Banco Sabadell (Rambla Catalunya, 115) ás 12:00h.
- Sevilla: BBVA (r/ Granada, 1) ás 11:00h e Banco Santander (Av. Constitución, 3) ás 12:00h.
- Málaga: Unicaja (Av. Andalucía, 10-12) ás 12:00h.
- Valencia: Cajamar (r/ Marqués de Sotelo, 11) ás 12:00h.
- Zaragoza: Ibercaja (Pza. Paraíso, 2) ás 12:00h.
- Valladolid: BBVA/Santander (r/ Santiago, 17) ás 12:00h.
É o momento de que a voz do persoal se escoite con claridade absoluta para dicir “basta xa” e loitar por un modelo laboral sostible. O momento é agora

