Portada » CCOO Servizos defendemos o preacordo do convenio estatal do comercio téxtil: melloras para o 95% do persoal

CCOO Servizos defendemos o preacordo do convenio estatal do comercio téxtil: melloras para o 95% do persoal

Ante as críticas xeradas arredor do preacordo do I Convenio Colectivo Estatal de Grandes Cadeas do Comercio Téxtil e do Calzado (acadado coa patronal ARTE), CCOO de Galicia aclara os beneficios reais do documento para garantir unha información precisa aos traballadores e traballadoras do sector.

Garantía salarial sen perdas para o cadro de persoal

O texto non supón ningunha perda de dereitos económicos. O preacordo incorpora unha cláusula de complemento ad personam que garante o mantemento das condicións salariais para quen xa estivese por riba nos seus convenios provinciais. Polo tanto, ningunha persoa traballadora verá reducido o seu salario actual.

O obxectivo deste convenio estatal é establecer un marco común de dereitos mínimos, evitando as desigualdades xeográficas dentro dunha mesma empresa. A nova normativa corrixe esta fenda fixando garantías homoxéneas sen eliminar as melloras xa consolidadas noutros territorios.

Fin dos convenios obsoletos en Lugo e Ourense

A aplicación das novas táboas salariais e as melloras en conciliación supoñen un avance cuantitativo para máis do 95% dos convenios provinciais a nivel estatal. En Galicia, o salto é moi destacado, xa que actualiza textos obsoletos con soldos ancorados no Salario Mínimo Interprofesional (SMI):

  • Comercio téxtil de Lugo: sen actualizar desde xaneiro de 2016.
  • Comercio de pel e calzado de Lugo: sen negociar desde xaneiro de 2010.
  • Comercio téxtil de Ourense: paralizado desde xaneiro de 2024.
  • Comercio de pel de Ourense: sen negociar desde xaneiro de 2013.

Con esta actualización, dáse un paso fundamental nunha reivindicación histórica do sector: «a igual traballo, igual salario», independentemente do territorio.

Melloras na xornada, descansos e contratación

O acordo inclúe avances moi relevantes para un sector caracterizado pola alta presenza de contratos a tempo parcial. Entre as principais melloras destacan:

  • Redución da xornada: diminución progresiva ata as 1740 horas anuais en 2028 (por debaixo da proposta debatida entre o Goberno e a CEOE).
  • Máis descansos: incremento das fins de semana completas de descanso ata chegar a 11 ao ano, favorecendo a conciliación da vida laboral e persoal.
  • Estabilidade laboral: establécese unha garantía de contratación mínima de 24 horas semanais.
  • Aumento do prezo-hora: derivado da redución de xornada anual e a aplicación das novas táboas salariais.

Regulación do traballo en domingos e festivos

O texto tamén establece unha regulación específica para o traballo en domingos e festivos. O preacordo inclúe compensacións económicas crecentes e un reforzo na planificación dos horarios, incorporando ademais medidas de protección para os cadros de persoal en datas especialmente sensibles.

Rigor informativo fronte a críticas inxustificadas

CCOO consideramos moi preocupante a difusión de interpretacións parciais ou directamente erróneas sobre o contido do preacordo. Moitas destas críticas apóianse en cuestións que aínda non se abordaron na mesa de negociación, o que distorce o debate e xera unha alarma inxustificada.

O sindicato sinala que resulta pouco rigoroso presentar como “retrocesos” medidas que consolidan dereitos, elevan salarios mínimos e corrixen desigualdades históricas. Estas mensaxes dificultan a análise obxectiva do proceso negociador e non axudan a defender os intereses do persoal.

CCOO subliñamos que este preacordo é unha base sólida, froito da negociación colectiva, para seguir avanzando. A organización comprométese a actuar con rigor e a seguir traballando no desenvolvemento do texto definitivo para reforzar e ampliar de forma real e efectiva os dereitos laborais no sector téxtil.

GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/economia/2026-03-25/5822464-ccoo-galicia-defiende-preacuerdo-convenio-comercio-textil-mejora-condiciones-95-personal
GaliciaPress: https://www.galiciapress.es/articulo/economia/2026-03-24/5820484-primer-convenio-nacional-textil-empleados-inditex-centro-mejores-salarios-menos-horas
Economía Digital Galicia: https://www.economiadigital.es/galicia/gl/empresas-gl/cc-oo-defende-o-acordo-coa-patronal-de-inditex-e-primark-mellora-as-condicions-do-95-do-persoal.html
Galicia Confidencial: https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/5819343-sindicatos-e-arte-alcanzan-preacordo-materia-salarios-e-xornada-laboral-no-convenio-nacional-textil
El Español: El comercio textil firma un preacuerdo estatal: ¿cómo afecta a A Coruña y qué dicen los sindicatos?