400 traballadoras reivindican dignidade e igualdade laboral desde Santiago de Compostela
O Sindicato Nacional de CCOO Galicia celebrou na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela a II Asemblea de Sectores Feminizados e Precarizados, coa participación de preto de 400 persoas. O encontro serviu para visibilizar a discriminación laboral e salarial que sofren as mulleres en sectores con alta feminización, e para reclamar condicións de traballo dignas e igualdade real.
“Non pedimos privilexios, esiximos salarios xustos, dereitos e respecto”, afirmou Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO de Galicia.
Discriminación e precariedade nos sectores feminizados
Traballadoras de diferentes ámbitos expuxeron casos concretos de precariedade, parcialidade e desigualdade que afectan a miles de mulleres galegas:
- Sandra, empregada dun supermercado, denunciou que máis do 50 % dos contratos son a tempo parcial, moitas veces por coidados familiares.
- Iria, do sector sociosanitario, destacou a falta estrutural de persoal e a carga de traballo excesiva nas residencias. Lembrou que a maioría de soldos apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional (SMI).
- Puri, do sector da limpeza, criticou un convenio asinado pola patronal e outros sindicatos que elimina dereitos claves como a xubilación especial aos 64 anos.
- Elena, das elaboradoras do mar, denunciou as enfermidades profesionais non recoñecidas e a invisibilidade das mulleres que sosteñen unha industria millonaria.
- Vanesa, educadora infantil, reclamou o recoñecemento da súa labor educativa e a fin das xornadas prolongadas e mal remuneradas.
A chamada ao 8M e á acción colectiva
A secretaria de Mulleres, Políticas de Igualdade e LGTBIQA+ de CCOO Galicia, María Barcia, fixo un chamamento á participación masiva no 8M, recordando que a loita pola igualdade debe ser conxunta entre mulleres e homes.
Tamén interveu Carolina Vidal, secretaria confederal, quen pediu defender o relato igualitario ante as mensaxes da ultradereita e confiar na mocidade: “A xente nova loita, e o domingo vai saír ás rúas para demostralo”.
Amelia Pérez: “Cando unimos as nosas voces, o estrondo asústaos”
A secretaria xeral Amelia Pérez pechou o acto destacando o compromiso anual coa asemblea e o liderado feminista no sindicalismo galego.
“Sempre nos quixeron caladas e invisibles, pero cando unimos as nosas voces o estrondo é tan grande que os acaba asustando”, afirmou.
Pérez defendeu un sindicalismo feminista forte e transformador, que luite pola igualdade os 365 días do ano e converta o esgotamento das mulleres en forza colectiva: “Se tocan a unha, tócannos a todas”.

