Portada » CCOO Servizos convocamos paros en todo o sector do comercio galego en dúas datas claves do verán

CCOO Servizos convocamos paros en todo o sector do comercio galego en dúas datas claves do verán

O comercio galego vai á folga: 26 de xullo e 15 de agosto

As traballadoras e traballadores do comercio galego dan un paso adiante. Despois de meses de advertencias e negociacións sen resultado, CCOO Servizos facemos efectiva a convocatoria de folga que xa anunciamos en novembro do ano pasado nunha comparecencia ante os medios de comunicación, coincidindo coa campaña do Black Friday: sen cambios reais, habería mobilizacións. E así será.

Dúas datas, un mesmo obxectivo

A folga afectará a todo o comercio galego durante a xornada completa nos días domingo 26 de xullo e sábado 15 de agosto, dúas das xornadas de maior actividade comercial do ano. A convocatoria abarca a todos os traballadores e traballadoras con independencia do tipo de contrato ou da xornada.

Un sector farto de precariedade

As razóns son coñecidas por quen traballa no sector, pero convén enuncialas con claridade: salarios baixos, xornadas parciais impostas, dispoñibilidade total non compensada e apertura continuada en domingos e festivos sen descanso real. Traballar cando o resto da sociedade descansa non pode seguir sendo a norma.

Esta situación prexudica de xeito especial ás mulleres, que constitúen a maioría da forza laboral nun sector fortemente feminizado.

CCOO, na vangarda da mobilización

A Federación de Servizos de CCOO Galicia liderou esta iniciativa durante meses. Outros sindicatos súmanse agora á convocatoria, aínda que de forma tardía e limitada unicamente ao ámbito dos grandes almacéns.

O que se reclama

Os obxectivos desta folga son concretos e inaprazables:

  • Dereito ao descanso efectivo en domingos e festivos
  • Conciliación da vida persoal, familiar e laboral
  • Condicións laborais dignas e xornadas equilibradas
  • Emprego de calidade no comercio galego

Sen as persoas traballadoras, o comercio non funciona. É hora de dicir basta.e CCOO seguimos traballando para que cada acordo se traduza nun avance tanxible en dereitos e salarios para as miles de familias afectadas.